Sunday 05 de May de 2024

O CIM de Boqueixón organiza unha charla-obradoiro sobre solo pélvico


A sesión, de carácter gratuíta, require inscrición previa

O Centro de Información á Muller (CIM) de Boqueixón organiza a charla-obradoiro Descobre o teu solo pélvico. A actividade, que dirixirá a fisioterapeuta especialista en uroxinecoloxía e obstetricia, Mª Carmen Souto García, terá lugar o próximo 20 de outubro ás 18.00 horas no ximnasio municipal de O Forte.

A iniciativa está dirixida á poboación en xeral, e as mulleres en particular. O principal obxectivo, segundo explican dende o CIM, “é acercar información sobre a prevención e as disfuncións da zona pélvica, gran descoñecida, que hoxe en día aínda segue sendo un tema tabú e que normalmente non se facilita ás mulleres”.

A sesión durará aproximadamente dúas horas e contempla dúas partes: unha teórica e outra práctica. Na primeira, ofreceranse nocións sobre que é o solo pélvico, dar a coñecer a súa musculatura e principais funcións. A continuación, explicaranse unha serie de exercicios prácticos nos que as persoas participantes practicarán unha serie de exercicios dirixidos ao fortalecemento e mellora da flexibilidade da musculatura perineal para evitar posibles desgarros, epsiotomías e partos traumáticos. Ao mesmo tempo, aportarase máis información sobre hábitos saudables, e terapias preventivas e de tratamento do solo pélvico e previr incontinencias e prolapsos uterinos.

A charla-obradoiro Descobre o teu solo pélvico é de carácter gratuíto, previa inscrición. Estas deberán formalizarse no CIM a través do teléfono 981 513 106 ou no e-mail cim@boqueixon.com. As prazas son limitadas.